Thursday 02 de May de 2024

Próxima apertura do prazo de inscrición para as Escolas e Obradoiros Deportivos Municipais


O vindeiro martes, 15 de setembro, abre o período de matriculación para os Obradoiros e Escolas Deportivas Municipais do Concello de Fene. As persoas interesadas en apuntarse en calquera das actividades programadas pola Concellería de Deportes deben achegarse polas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín nas datas e horarios que a continuación se especifican.

A inscrición nas Escolas de Piscina realizarase os días 15 de setembro (só residentes en Fene) e 16 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das Escolas Deportivas Municipais, as datas establecidas serán o 17, 18 e 21 de setembro (só residentes en Fene) e do 22 ao 24 de setembro (poboación en xeral). O horario de atención ao público no Pavillón Municipal “A Xunqueira” será de 8:30h a 14:30 h. (todos os días) e de 16:00h a 19:00h (os días 15, 16 e 23 de setembro).

Dende a Concellería de Deportes saliéntase a variedade de actividades organizadas para este novo curso 2015-2016.

Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, xuvenil, de adultos e terceira idade, natación para embarazadas, natación terapéutica (combinada ou non con rehabilitación funcional) e aquagym. No pavillón “A Xunqueira” haberá atletismo, pequedeporte (deportes variados), musicoterapia, “runnin para todos” (preparación física), fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, aerobic, ioga, pilates e rehabilitación funcional (que se pode combinar con natación terapéutica).

Tamén están previstas diferentes escolas deportivas noutras instalacións do Concello de Fene coma o pavillón O Ramo de Barallobre (ximnasia artística e trampolín), Centro Social de Fene (ioga), ximnasio da Casa da Cultura (judo e karate) e piscina de Centieiras (pilates)

A maiores, a Concellería de Deportes do Concello de Fene volve organizar o tradicional obradoiro de “educación física contra a fatiga oncolóxica”. O Concello de Fene é pioneiro na organización desta actividade que ten coma obxectivo fundamental tentar reducir a fatiga que acompaña ao cancro e aos seus tratamentos. Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada “que tenta axustarse en todos os casos ás características e posibilidades de cada persoa” e que está baseada nos contidos propios da educación física, no exercizo cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, coordinación, etc.

O período de inscrición para esta actividade prolongarase dende o 17 ao 24 de setembro, nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín, nos horarios establecidos para a inscrición na totalidade de escolas deportivas municipais.

A incorporación dos alumnos e alumnas ás Escolas e Obradoiros Deportivos Municipais producirase a partir do vindeiro 1 de outubro nos días da semana, horas e locais fixados para cada actividade.

ESCOLAS CULTURAIS

En relación coas escolas culturais para o curso 2015/16, dende a Concellería de Cultura e Ensino anúnciase que a inscrición formalizarase do xoves 1 ao xoves 8 de outubro (os días 1, 2 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6, 7 e 8 de outubro, a poboación en xeral). Neste caso, o horario de atención ao público será de 8:30h a 14:30 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o xoves 1 e o mércores 7 de outubro).

A oferta de escolas culturais municipais para este novo curso pasa por actividades coma piano e solfexo, iniciación e perfeccionamento á guitarra, idiomas (“Xogamos co inglés” e “Falamos inglés”), cociña (obradoiro de “Cociña para vag@s”), cómic, fotografía dixital, risoterapia (Obradoiro “Licenza para rir”) e por diferentes cursiños TIC (redes sociais para principiantes, introducción a internet e introducción á ofimática ).

Para máis información sobre as escolas ou obradoiros deportivos ou culturais municipais, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas dos Departamentos de Deportes, Cultura e Ensino do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación das devanditas escolas na páxina web municipal (www.fenecidadan.net). Asemade, ao longo desta semana, estarán a disposición de todos/as os usuarios/as os cadernos coa información das escolas nas distintas instalacións deportivas e culturais do concello, así como tamén o primeiro día de colexio nos centros educativos.